Ostreros, colipintas e mazaricos

martes, 11 de febrero de 2014

Arao común

Este Arao encontraronno na praia da concha en Espasante,onte 10 de febreiro de 2014, probablemente ferido polo temporal (non trataba de escapar)avisouse o Seprona para a súa recollida. O CRFS (Centro de Recuperación de Fauna silvestre)que nos corresponde nesta zona e o de Sta Cruz de Oleiros na Coruña: Os telefonos son os seguintes: 981626241-690634708-686252554. Esta é a ficha da Conselleria de medioambiente CMATI: DESCRICIÓN De tamaño medio, presenta as típicas cores dos pingüíns. A plumaxe nupcial ten as partes superiores e a cabeza de cor escura, case negra. Peito e ventre moi brancos. Prolongación da boca de cor negra. En inverno, presenta unha raia alar de cor branca, garganta e meixelas tamén brancas e parte superior da cabeza de cor chocolate. REPRODUCIÓN O niño apenas é un monllo de algas e ramiñas colocadas ao chou nun resalte do acantilado. O único ovo ten forma de pera, para que non rode cara ao mar. ALIMENTACIÓN A súa dieta está baseada en peixes e moluscos. HÁBITAT Esencialmente peláxico, só acode á terra para criar. En inverno recóllese en rías e estuarios máis protexidos, e incluso en portos. DISTRIBUCIÓN É unha das aves mariñas máis abundantes do planeta, mais na península Ibérica tan só nidifica en Galicia. Para iso emprega repisas en cantís rochosos e furnas na Costa da Morte, aínda que a finais do século pasado tamén nidificou nas illas Cíes e Ons e en Estaca de Bares. Fortemente ligada ás augas mariñas, onde pasa gran parte do tempo descansando e na busca de alimento (peixes peláxicos). Malia que é frecuente observar araos en augas galegas durante o inverno, estes proceden fundamentalmente de colonias de reprodución británicas e francesas. ESTADO DE CONSERVACIÓN Na actualidade sobreviven tan só 2-4 parellas reprodutoras, e non máis de 20 individuos durante a época de reprodución en Galicia, ameazados fundamentalmente pola mortalidade en artes de pesca e a contaminación mariña (especialmente os vertidos de petróleo). A caza abusiva xogou un papel importante no descenso das súas poboacións a finais do século pasado. CATEGORÍA DE CONSERVACIÓN En perigo de extinción. NOME COMÚN Arao (Poboación nidificante) NOME CIENTÍFICO Uria aalge CLASE Aves FAMILIA Alcidae

No hay comentarios:

Publicar un comentario